Resumo dos actos da primeira semana da Memoria Histórica de Cuntis

Conferencia de Montse Fajardo "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36"
Conferencia de Montse Fajardo "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36"
Resumo dos actos da primeira semana da Memoria Histórica de Cuntis

       Vén de rematar a primeira semana da segunda edición do Mes da Memoria Histórica de Cuntis.

       Dita edición botaba a andar o pasado día 10 deste mes de outubro coa inauguración da exposición fotográfica "Atravesados pola Guerra" de Silvina di Caudo, que xeationa a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Esta exposición recolle retratos de persoas que se tiveron que exiliar  por mor da Guerra Civil, persoas que naceron e medraron en pleno conflito, entre ruínas, fame, miseria e medo e ás que a guerra lles cambiou as súas vidas para sempre.

       A primeira das conferencias programadas para este ano tiña lugar o pasado venres día 14. As veciñas e veciños de Cuntis asistiron á casa da cultura para escoitar a palestra de Montse Fajardo "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36", na que a periodista nos contou como as mulleres galegas non só se viron afectadas polos mesmos tipos de represión ca os homes, senón que, ademais, o fascismo practicou con elas castigos de índole machista como a rapa, a inxestión de aceite de rícino ou a violación.

       As actividades continuaron sábado día 15, con outros dous actos. O primeiro foi a conferencia da Asociación Cultural cuntiense O Fervedoiro, na que Heitor Picallo nos falou do traballo na recuperación da Memoria Histórica que esta asociación leva realizando desde que naceu no ano 2006, e que neste 2016 cumpre o seu décimo aniversario. A segunda foi a presentación do libro de María Solar "As horas roubadas", na que a autora nos falaba desta historia ambientada na España de 1979, dous anos antes da Lei do divorcio, na que dúas familias se ven arrastradas por un vello segredo e pola necesidade de cambiar as súas vidas. Nesta presentación contamos tamén coa presenza de Encarna Otero, que fixo unha intervención sobre a situación das mulleres durante a transición e a da súa loita pola conquista de dereitos.