O BNG de Cuntis e PSdeG- PSOE de Cuntis revisan o acordo de Goberno

O pasado Martes, 8 de novembro, tivo lugar unha nova reunión entre a nosa agrupación municipal e o PSdeG de Cuntis, para a revisión do Pacto de Goberno

O BNG de Cuntis e PSdeG- PSOE de Cuntis revisan o acordo de Goberno

O pasado Martes, 8 de novembro, tivo lugar unha nova reunión entre a nosa agrupación municipal e o PSdeG de Cuntis, para a revisión do Pacto de Goberno. Estas reunións periódicas para a revisión do Pacto de Goberno véñense realizando desde que este foi asinado o 28 de Xuño de 2015 co obxectivo de verificar os acordos de Goberno e analizar as distintas cuestións a tratar de cara a vindeiros meses.

A reunión estruturouse en varias partes co fin de abordar unha serie de obxectivos, non so os contidos no acordo de goberno, senón tamén os que se van dando no día a día da xestión municipal.

 

Sobre os temas contidos no acordo de goberno cave destacar:

 

  • Centro de Día. No Plan Concellos deste ano 2016 está recollida unha partida para a dotación de servizos ao edificio que debería servir para albergar o Centro de Día do noso Concello. Sobre a mesa púxose o compromiso de que a licitación desta obra será inmediata polo que deste xeito o Concello cumpriría co requisito que dende a Xunta de Galicia se esixiu para que se poida poñer en funcionamento o Centro de Día. Desde o BNG instamos unha vez máis a que esa obra sexa inmediata e que unha vez realizada, se proceda as reunión que sexan necesarias coa Xunta de Galicia para estudar un convenio o máis favorable posible para o noso Concello.
  • Saneamentos. Propuxemos a creación dunha partida que permita regular e mellorar os servizos existentes, e poñer en marcha un plan de actuación coherente á hora de que os servizos básicos cheguen a todos os puntos do noso concello.
  • Solución ás enchentes do Río Gallo. Na última Xunta de Goberno celebrada antes desta reunión, levamos unha proposta de limpeza inmediata da conca do río Gallo no seu tramo urbano, que pasa pola emisión de informes das autoridades competentes e a comunicación ao organismo autonómico de que se vai a proceder á limpeza de dito tramo, ante a inminente chegada do inverno. Volvemos a instar ao PSOE a que se tomen as medidas necesarias.
  • Colectores de lixo e recollida do lixo. Púxose enriba da mesa a posibilidade de iniciar unha campaña de concienciación de reciclaxe, mentres o PSOE mantivo a súa preocupación pola falta de contedores de vidro. Tamén se abordou a importancia de adherirse ao Plan de Compostaxe da Deputación de Pontevedra.
  • Programa de promoción turística. O BNG viña solicitando unha persoa encargada de levar a cabo todas as cuestións relacionadas co Turismo. Así que  se procederá á contratación dunha persoa mediante unha bolsa FEUGA, co que durante todo o ano non só se prestará atención individualizada a todas esas persoas que se acheguen a Cuntis, senón que ademais nos permitirá a elaboración dun plan que permita a dinamización turística do noso concello.
  • Aparcamento. Despois de adoptar unha solución temporal, habilitando o solar situado preto da N-640, estase negociando o aluguer do mesmo, para así poder habilítalo como aparcamento definitivo e non só de maneira temporal e en mala situación.

 

As cuestións máis importantes tratadas á marxe das que se recollen nos acordos de Goberno foron:

  • Orzamentos. Aproveitouse a reunión para tratar as propostas para a elaboración dos Orzamentos do ano 2017. O Alcalde informou da necesidade de atender ao informe económico financeiro e á necesidade de cumprir a regra de gasto, xa que esta fora incumprida no ano 2015. Con todo, puxemos enriba da mesa a necesidade de aumentar a dotación de partidas en determinadas áreas, principalmente servizos sociais, dadas as necesidades que presenta a nosa poboación, así como na área de Cultura.
  • Monte de Arcos. Volvemos a esixirlle ao PSdeG a retirada do inmediata do recurso. Quixemos deste xeito deixar clara, unha vez máis, a nosa postura sobre este caso, que segue a ser a mesma desde o primeiro momento.

 

No BNG asumimos no seu día a responsabilidade de darlle a Cuntis un goberno estable, pero iso non significa darlle carta branca á alcaldía. Porén seguiremos a fiscalizar as políticas do Concello para que sexan as mellores posibles para os veciños e as veciñas, e continuaremos traballando coa máxima ilusión e compromiso por un Concello mellor.